Sunday 12 de May de 2024

O Estadio municipal de atletismo da Fieiteira xa loce o nome de Ana Peleteiro Brión


Numerosos veciños acudiron este mediodía ata o complexo polideportivo da Fieiteira para asistir ao nomeamento do seu estadio de atletismo como Ana Peleteiro Brión en homenaxe á que xa é atleta máis laureada da nosa historia.

Nun acto que contou tamén coas intervencións do alcalde Manuel Ruiz e de Isidoro Hornillos como presidente da Federación Galega de Atletismo, a propia Ana Peleteiro lembrou como se iniciou precisamente nas pistas da Fieiteira fai 18 anos e manifestou o gran honor que resulta para ela o feito de que vaian levar o seu nome. “O que eu quero que a xente recorde de min non é tanto a Ana deportista senón sobre todo ser unha boa persoa”, declarou. Peleteiro celebrou que o atletismo voltase cobrar vida na Fieiteira a través dos mozos e mozas que alí adestran co renacido club de atletismo Santa Uxía e agradeceu o apoio que sempre sentiu por parte dos veciños de Riveira

Manuel Ruiz expresou pola súa parte a honra de que Ana Peleteiro sempre tivese a ben levar con orgullo o nome de Riveira por todo o mundo e manifestou a súa convicción de que, se as lesións as respectan, aínda lle quedan por diante moitos éxitos.

O evento, no que estiveron presentes membros de todos os grupos da Corporación, o senador José Luis Torres, outras autoridades, deportistas e veciños, concluíu co descubrimento da placa conmemorativa que proclama o “Estadio de Atletismo Ana Peleteiro” baixo os acordes do himno de Galicia.